Balnearios

  • Arnoia Caldaria Hotel Balneario

    Historia:
     

    Atópase en pleno corazón do Ribeiro, xunto aos ríos Miño e Arnoia. Un percorrido polo territorio permitirá remontarse ao pasado. Desde a época dos castros, goza de asentamentos como A Cibdade e O Castro, e pódense contemplar tamén as pegadas deixadas polos romanos e o avoengo das casas señoriais, propiedade noutros tempos da Inquisición.


    Características e indicacións:

    Hotel Balneario*** Q 50 cuartos.

    Características da auga: dispón de augas sulfurado-sódicas, bicarbonatadas e magnésicas. Emanan a unha temperatura de 22 ºC. Están indicadas en tratamentos da reuma e para afeccións da pel. Axudan a combater o estrés e teñen aplicacións en coidados estéticos.

     

    Titular:  Arnoia Caldaria Hotel Balneario.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  1256.8592 ha.

  • Balneario Acuña

    Historia:


    Caldas de Reis está ao norte da provincia de Pontevedra e é a porta de entrada ao val do Salnés e ás Rías Baixas. A bisbarra é tamén un lugar de paso dos peregrinos que se dirixen a Compostela polo Camiño Portugués. A auga é o elemento vertebrador deste municipio, capital da bisbarra Ulla-Umia. Ademais de ser unha vila termal, Caldas está bañada polos ríos Umia e Bermaña, que corren entre fervenzas, pontes e praias fluviais. A auga dá vida tamén a unha morea de xardíns, que permiten realizar longos paseos por todo o centro urbano.

    Situado xunto á canle do río Umia, o Balneario Acuña é un establecemento histórico que destaca pola súa arquitectura con amplos miradoiros. Tras unha gran reforma no ano 2007, créase unha nova galería termal coas técnicas máis modernas.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario** 64 cuartos.

     

    O hotel dispón de salóns sociais, comedor e piscina termal.

    Ofrece augas cloruro fluoradas, silicatadas e bicarbonatadas, nitroxenado-termais e sulfurosas, sódico-líticas e radioactivas. Emanan a unha temperatura de 42 ºC. Están indicadas para afeccións das vías respiratorias, reumatismos, afeccións psiconerviosas e estrés.

    Titular:  Balneario Acuña.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  365.9972 ha.

  • Balneario Baños da Brea

    Historia:


    Situado no municipio pontevedrés de Vila de Cruces, conta con diversos sitios de interese cultural, tales como a Casa do Ferreiro, a casa natal do escritor Xosé Neira Vilas e a fervenza do río Toxa, a máis alta de Galicia, con 60 metros de caída.

    Características e indicacións:

     
    Hotel Balneario** 44 cuartos.

     

    O hotel dispón de cafetería con carta snack, dun restaurante onde se pode gozar da tradicional gastronomía galega, dun salón social, de wifi en zonas comúns e dunha zona termal con piscina activa composta de colos de cisne e choros jets, ademais de flebotónico, baño turco, jacuzzi, ducha circular, bañeiras de auga mineromedicinal, paralamas, masaxes corporais, estética facial e corporal.

    Ofrece augas sulfuradas, bicarbonatadas, alcalinas e cloruradas sódicas que emanan a unha temperatura de 28 ºC.

    Están indicadas para procesos reumatolóxicos e para afeccións do aparato respiratorio e da pel.

    Son apropiadas para combater o estrés e a fatiga física e psíquica.

    Titular:  Balneario Baños da Brea.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  212.6250 ha.

  • Balneario Baños de Molgas

    Historia:


    A vila de Baños de Molgas, situada no val do Medo e bañada polos ríos Arnoia, Tioira e Sor, é unha das entradas á Ribeira Sacra. Cómpre salientar o seu arboredo, os paseos nas marxes do río, a área de piscinas etc., no ámbito próximo ao balneario. Todo iso enmarcado nun ambiente de carácter rural. Destaca a súa ponte romana dun só arco, os petróglifos e pequenas cazoletas pertencentes á arte rupestre, o Santuario da Nosa Señora dos Milagres (século XVII) e a capela prerrománica de Santa Eufemia de Ambía (finais do século IX).

    Características e indicacións:


    Hotel Balneario* 28 cuartos

     

    Ofrece augas radioactivas, bicarbonatadas, sódicas, silicatadas e oligometálicas. Emanan a unha temperatura de 49 ºC.

    Indícanse para o tratamento da reuma, traumatoloxía, artrite, litise, hiperuricemas, sistema nervioso, pel, asma, bronquite crónica, sinusite, farinxite e estrés.

    Titular:  Balneario Baños de Molgas.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  1123.2395 ha.

  • Balneario Caldas de Partovia

    Historia:

    Situado a dous quilómetros do Carballiño, o actual edificio do balneario data do ano 1842, e as súas augas foron declaradas de utilidade pública desde 1929. Encóntrase nunha paisaxe rural de gran beleza, rodeado por grandes zonas verdes e bosques. 

     

    Características e indicacións:

    A orixe das súas augas sitúase entre os 1100 e os 1500 metros. Alí nace a auga a unha temperatura de 37 ºC.

    As súas augas son sulfatadas, sódicas, cloruradas, bicarbonatadas e radioactivas e están indicadas para tratamentos dermatolóxicos e reumatolóxicos, enfermidades da pel, sistema circulatorio, aparato dixestivo e vías urinarias.

    Titular:  Balneario Caldas de Partovia.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  1142.5373 ha.

  • Balneario Dávila

    Historia:


    Caldas de Reis está ao norte da provincia de Pontevedra e é a porta de entrada ao val do Salnés e ás Rías Baixas. A bisbarra é tamén un lugar de paso dos peregrinos que se dirixen a Compostela polo Camiño Portugués. A auga é o elemento vertebrador deste municipio, capital da bisbarra Ulla-Umia. Ademais de ser unha vila termal, Caldas está bañada polos ríos Umia e Bermaña, que corren entre fervenzas, pontes e praias fluviais. A auga dálle vida tamén a unha morea de xardíns, que permiten realizar longos paseos por todo o centro urbano.

    Fundado por don Joaquín Davila en 1780, esta é xa a sexta xeración da mesma familia que se ocupa deste balneario, levantado sobre unha fonte na que xa se somerxían probablemente os celtas, polo que a vocación por conservar todo o conservable é palpable en cada recanto.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario**27 cuartos

     

    O hotel balneario sitúase na zona histórica de Caldas, en pleno Camiño de Santiago, entre a fonte de auga termal e o río Umia. O fogón, que segue acendéndose en inverno, invita a recollerse, a ler ou a charlar, mentres do outro lado das cristaleiras do salón asoman as copas do incrible canaval que plantou a principios do XX un antepasado que viaxou ás Filipinas.

    Ofrece augas cloruro-sódicas, radioactivas, sulfurosas e nitroxenadas. Emanan a unha temperatura de 48 ºC.

    Están indicadas para terapias do aparato respiratorio, reumatoloxía, pel e relaxación.

     

     

    Titular:  Balneario Dávila.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  365.7997 ha.

  • Balneario de Caldelas de Tui

    Historia:


    Este balneario está situado na parroquia de San Martín de Caldelas, á beira do Miño, que marca a fronteira natural con Portugal. Tui atópase a 9 km e resulta unha visita imprescindible para admirar o conxunto histórico-artístico, coa súa catedral, así como o parque natural do monte Aloia. A 27 km está A Guarda, co monte Santa Tegra e as súas impresionantes vistas do esteiro do Miño. Baiona, Vigo, así como todas as Rías Baixas, son zonas da súa área de influencia, o mesmo que toda a zona norte de Portugal. Ademais, o territorio representa unha etapa clave para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués cara a Compostela.

    O edificio principal do balneario data de 1886 e consta de tres plantas construídas por completo en pedra de costa. Alberga coquetos salóns, con espellos venecianos e lámpadas da época, que respectan a amplitude orixinal cos que foron deseñados. Nun edificio anexo de pouco máis de dez anos están situados os cuartos, que se abren aos viñedos, así como os hortos de cana e millo ás beiras do río.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario** 27 cuartos

     

    O hotel conta con servizo de cafetería, aparcadoiro, parque infantil e amplos xardíns.

    Ofrece augas cloruradas-sódicas, sulfídrido-nitroxenadas e radioactivas, a unha temperatura de 47 ºC, 50 ºC e 56 ºC en surxencia. Están indicadas para terapias do aparato respiratorio, reumatismos e traumatoloxía, da pel, úlceras varicosas e terapias pediátricas.

    Nos últimos anos, asentouse e creceu de forma notable a afluencia de nenos que acoden por problemas respiratorios, de oído e dermatolóxicos.

    Titular:  Balneario de Caldelas de Tui.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  3417.2620 ha.

  • Balneario de Carballo

    Historia:


    Conta cunha situación privilexiada, marcada pola proximidade de excelentes praias, por un ámbito paisaxístico de enorme beleza e por un rico patrimonio artístico.

    O territorio estivo habitado desde épocas moi remotas, do que son testemuñas os restos paleolíticos descubertos. Entre eles, destacan o dolmen de Pedra Moura, así como gran cantidade de castros. Os romanos tamén deixaron a súa pegada, como o castro de Torre de Pardiñas ou os restos da Vila Termal.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario** Q 60 cuartos

     

    Características da auga

    Augas sulfuradas-sódicas bicarbonatadas de mineralización débil que emana a unha temperatura de 42 ºC. Foron recoñecidas polo Tribunal de Augas de París como unhas das mellores de Europa a finais do século XIX e declaradas de utilidade pública en 1928. Están indicadas para tratar afeccións do aparato locomotor, enfermidades reumáticas (artrose, artrite reumatoide, gota), afeccións das vías respiratorias (rinite, sinusite, farinxite, asma), da pel, aparato dixestivo, sistema nervioso e circulatorio e trastornos psiquiátricos.

    Titular:  Balneario de Carballo.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  19.9812 ha.

  • Balneario de Compostela

    Historia:


    As orixes do Balneario da Nosa Señora dos Ánxeles, tamén coñecido como Burga ou Balneario do Tremo, remóntanse probablemente á época de ocupación romana, xa que por esas terras pasaba a Vía Cessum. Non obstante, a primeira vez que aparecen citas históricas sobre este lugar é no ano 1813.

    Foi declarada de utilidade pública mineiro-medicinal en 1928.

    Sábese que foi un lugar moi concorrido ata a Guerra Civil, data na que sufriu un declive e deixou de funcionar oficialmente en 1967. Porén, hai constancia de que veciños da zona seguiron abastecéndose das augas deste manancial, ao que acudían con botellas e outros recipientes.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario 3*** SUP. 54 cuartos

     

    Características da auga

    Augas sulfurosas frías a 17 ºC, bicarbonatadas sódicas, silicatadas e fluoradas. Recomendadas para problemas da pel (dermatites, eccemas, psoríases, úlceras), alteracións respiratorias (sinusite, rinite, bronquite, enfisemas e asma), afeccións reumáticas e para combater o estrés.

    Titular:  Balneario de Compostela.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  1889.1510 ha.

  • Balneario de Guitiriz

    Historia:

    O nome da vila débese ao rei suevo Witerico,a quen se lle atribúe a súa fundación no século VI. No territorio tamén hai pegadas da cultura epipaleolítica, como o depósito de Pena Xiboi, da cultura megalítica, cunha gran mostra de mámoas. Pero a presenza máis significativa é a dos romanos, xa que estas terras foron lugar de paso da vía romana que unía Lucus Augusti con Brigantia.

    Características e indicacións:

    Hotel Balneario**** Q 103 habitacións.

    Características da auga: Ofrece augas sulfuradas, fluoradas, sódicas e radioactivas a unha temperatura de 15,2ºC.
    Están indicadas para o tratamento das vías biliares, fígado, para combater problemas gástricos, trastornos metabólicos, da pel e reuma..

    Titular:  Balneario de Guitiriz.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  1015.9200.

  • Balneario de Lugo - Termas Romanas

    Historia:


    Cando os romanos chegan ás terras do Miño, sentíronse atraídos polas propiedades curativas da fonte de auga quente que nacía na beira esquerda do río. A cidade contou desde a súa fundación cun complexo termal de carácter medicinal que se estableceu sobre o manancial natural.

    Os restos que hoxe poden admirarse constitúen un dos poucos conxuntos termais romanos que se conservan en España e foron declarados Ben de Interese Cultural en 1931.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario*** Q 64 cuartos


    Características da auga: Ofrece augas sulfurado-sódicas, bicarbonatadas e hipertermais. Emanan a unha temperatura de 43,8 ºC. Están indicadas para reumatismos, artrite, artrose, ciáticas, lumbalxias, farinxite, rinite, sinusite, larinxite, asma, bronquite, psoríase, dermatite, estética e estrés.

    Titular:  Balneario de Lugo - Termas Romanas.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  10384.0300 ha.

  • Balneario de Mondariz

    Historia:


    O municipio de Mondariz-Balneario, o máis pequeno de España, encóntrase situado na zona sur occidental da serra do Suído, nun ámbito de gran beleza ecolóxica e paisaxística. Foi habitado xa desde a prehistoria, o que se constata coa existencia dun castro no couto de Cividade e pola aparición de restos romanos, probablemente da vila romana coñecida como Búrbida.

    Inaugurado en 1873, o balneario de Mondariz é un dos pioneiros do termalismo galego e un referente entre as principais vilas termais de Europa.


    Características e indicacións:


    Hotel Balneario****146 cuartos

     

    O Balneario de Mondariz, un dos maiores complexos hoteleiros de Galicia, está integrado por un hotel de 4 estrelas; o balneario, con aplicación de augas mineiro-medicinais; o Palacio da Auga - SPA; un campo de Golf de 18 buratos; o Centro de Congresos e Convencións e restaurantes onde se pode degustar a gastronomía típica galega.

     

    Ofrece augas carbogasosas, bicarbonatado-cálcicas e ferruxinosas que emanan a unha temperatura de entre 17,5 e 18 ºC. Están indicadas para problemas do aparato locomotor, respiratorio, endócrino, para combater o estrés e a obesidade e para tratamentos estéticos.

    Titular:  Balneario de Mondariz.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:   .

  • Eurostars Gran Hotel La Toja

    Historia:


    A Illa da Toxa, situada na ría de Arousa, encóntrase unida por unha ponte centenaria á vila do Grove, o paraíso do marisco, e moi preto da praia da Lanzada, de 4 quilómetros de lonxitude.

    Na illa, pódense visitar a capela da Nosa Señora do Carme (a capela das Cunchas) e a ponte da Toxa, de comezos do século XX.

    Construído en 1907, é obra do arquitecto ourensán Daniel Vázquez Gulías, quen xa tiña experiencia balnearia noutros establecementos coma o de Cabreiroá, en Verín, e o do Carballiño. De indubidable valor histórico, o Eurostars Gran Hotel La Toja é dos poucos hoteis-balnearios de cinco estrelas que existen en España.



    Características e indicacións:


    Hotel Balneario***** 197 cuartos

    O hotel dispón de diversas salas de reunións e congresos. Entre as súas instalacións, hai 3 canchas de tenis, 2 pistas de pádel e un campo de golf de 9 buratos, próximo ao hotel.

    As augas mineiro-medicinais dos mananciais da Toxa posúen unha composición química especial que lle outorga propiedades únicas. Caracterízanse por ser clorurado-sódicas e fluoradas, e cun alto contido en ferro, litio, magnesio, calcio e potasio, xunto a outros oligoelementos. Cada manancial ten temperaturas entre os 20 e 60 ºC, que os clasifica como hipo, meso e hipertermais desde o punto de vista da súa temperatura.

    Están indicadas en terapias dermatolóxicas, reuma e traumatolóxicas, afeccións musculares e estrés.

     

    Titular:  Eurostars Gran Hotel La Toja.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  177.6799 ha.

  • Eurostars Isla de La Toja

    Historia: 


    A Illa da Toxa, situada na ría de Arousa, encóntrase unida por unha ponte centenaria á vila do Grove, o paraíso do marisco, e moi preto da praia da Lanzada, de 4 quilómetros de lonxitude. Na illa, pódense visitar a capela da Nosa Señora do Carme (a capela das Cunchas) e a ponte da Toxa, de comezos do século XX.

    O Hotel Eurostars Isla de La Toja é un hotel balneario innovador, inaugurado en 2001, con todas as vantaxes da tradición balnearia da Toxa, nun ámbito de modernidade.


    Características e indicacións: 


    Hotel Balneario****104 cuartos


    Este balneario ofrece un marco idóneo tanto para a celebración de eventos, xa que dispón dun centro de congresos e convencións, como para relaxarse e practicar deporte. Entre os diversos servizos ofertados, os hóspedes poderán gozar dun fitness club, 3 pistas de tenis, 2 de pádel, un club termal e as instalacións propias do balneario.

    Ofrece augas cloruro-sódicas, bromuradas, ferruxinosas, fluoradas e litínicas, ricas en calcio, potasio e magnesio. Son augas hipertermais pola súa temperatura, que oscila entre os 20 e 60 ºC. Están indicadas para terapias dermatolóxicas, reumatismo, rehabilitación e recuperación muscular, aparato respiratorio e estrés.

     

     

     

    Titular:  Eurostars Isla de La Toja.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  177.6799 ha.

  • Gran Balneario de O Carballiño

    Historia:


    A vila do Carballiño naceu arredor da feira creada no primeiro terzo do século XVII polos frades do mosteiro de Oseira, do século XII, unha das abadías máis poderosas da Baixa Idade Media. O Gran Balneario utiliza o máis importante dos tres mananciais de augas mineiro-medicinais con que conta O Carballiño. Está situado na marxe esquerda do río Arenteiro, próximo ao parque municipal, pero tamén ao centro da vila. Posúe un magnífico arboredo, con carballos centenarios e faias. A casa de baños, inaugurada no ano 1900, é obra do arquitecto Daniel Vázquez-Gulías.

    Características e indicacións:


    O balneario dispón de aparcadoiro e zona axardinada. Non dispón de hotel.

    Ofrece augas sulfurado-sódicas, alcalinas, fluoradas, litínicas e radioactivas. Emanan a unha temperatura de entre 22 e 28 ºC. Están indicadas para problemas do aparato dixestivo, aparato respiratorio, metabolismo, reumatismo e pel.

    Titular:  Gran Balneario de O Carballiño.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  4235.0355 ha.

  • Iberik Augas Santas Balneario & Golf

    Historia


    O Hotel Balneario Augas Santas Golf inaugurouse en 2006. Está construído nas proximidades do antigo balneario, fundado a mediados do XIX. Durante moito tempo, as virtudes curativas das súas augas sulfuradas atraeron visitantes chegados de distintos puntos de España, Portugal ou Francia. A decadencia que experimentaron aqueles antigos establecementos no século XX non perdoou ao de Pantón, que deixou de funcionar a mediados dos anos cincuenta. As construcións abandonadas foron ademais destruídas por un incendio a finais dos setenta. Non obstante, o antigo estanque do balneario seguiu sendo moi visitado polos veciños da zona, que sempre apreciaron as augas que alí brotan. As ruínas do vello balneario consérvanse xunto ás modernas instalacións como testemuño dunha tradición que hoxe se pretende recuperar e potenciar utilizando recursos propios do século XXI.

     

    Servicios hosteleros


    O hotel, distribuído en 3 plantas, conta cun total de 105 cuartos, incluídas 2 suites confortablemente equipadas, 4 cuartos familiares e 5 cuartos adaptados. No seu restaurante dispón dun amplo bufete para almorzos que ofrece unha excelente gama de produtos de alta calidade para todos os gustos e necesidades. Os seus salóns, dotados das últimas innovacións tecnolóxicas, son o escenario perfecto para calquera evento e celebración. As instalacións complétanse cun magnífico campo de golf de 18 foxos, situado nunha contorna emblemática, en plena natureza.

    Titular:  Iberik Augas Santas Balneario & Golf.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  1075,78 ha.

  • Laias Caldaria Hotel Balneario

    Historia:

     

    Inaugurado no mes de abril de 2001, a vila termal de Laias responde perfectamente ás necesidades xeradas por un público cada vez máis esixente en balneoterapia, esixencia que se asume de xeito exhaustivo á hora de ofrecer todos os servizos cos que conta o complexo.

    Características e indicacións:

     

    Hotel Balneario **** Q 98 cuartos

     

    Características da auga: Bicarbonatadas-sódicas, alcalinas, hipertermais.

    Caudal de 8 litros /sg e temperatura de surxencia 51 ºC. Indicadas para terapias dermatolóxicas, reumatismos, rehabilitación e recuperación muscular, para tratar afeccións do aparato respiratorio e para combater o estrés.

    Titular:  Laias Caldaria Hotel Balneario.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  1837.9927 ha.

  • Lobios Caldaria Hotel Balneario

    Historia:

    Está situado ao sur da provincia de Ourense, lindando con Portugal. O Hotel Balneario está no traxecto da antiga Vía Romana XVIII ou Vía Nova, que unía as cidades augustinianas de Braga e Astorga e que, na actualidade, enlaza coa serra do Xurés e coa portuguesa do Gerês. Camiñando, pódese visitar a mansión romana de Aquis Originis. No municipio veciño de Bande, pódese admirar o campamento romano de Aquis Querquennis e a igrexa de Santa Comba, un dos poucos templos visigodos de España.

    Características e indicacións:

    Hotel Balneario**** Q 85 cuartos

     

    Ofrece augas hipertermais e augas de mineralización débil, que emanan a unha temperatura de 77,1 ºC. Os ións predominantes son: bicarbonato, sodio, cloro, flúor e silicatos.

    Están indicadas para terapias en procesos reumatolóxicos e do aparato locomotor subagudos crónicos. Tamén para tratamentos dematolóxicos e do estrés, estética corporal e facial e algúns procesos dixestivos e reno-uretais.

    Titular:  Lobios Caldaria Hotel Balneario.

    Recurso:  Auga Mineiro-Medicinal.

    Superficie:  3445.3139 ha.

  • Termas de Cuntis

    Historia:


    O territorio está cheo de restos doutras épocas, e destacan os gravados rupestres da Idade de Bronce. Castrolandín é un museo excepcional ao aire libre dun poboado fortificado da Idade de Ferro. Grazas á súa excelente situación, en plena bisbarra do Ulla-Umia, desde Cuntis o viaxeiro poderá achegarse nuns minutos ás praias das Rías Baixas, admirar a monumentalidade de Santiago ou Pontevedra ou percorrer a cidade de Vigo.

    O uso dos mananciais de augas termais de Cuntis remóntase á época romana, e é un dos balnearios con maior tradición de Galicia. Actualmente, Termas de Cuntis converteuse nun dos maiores complexos dedicados á balneoterapia en España.

     

    Características e indicacións:


    Hotel La Virgen **** Q 84 cuartos

    Hotel Castro del Balneario **** Q 18 cuartos

    O complexo de Termas de Cuntis consta de dous hoteis. Tanto o edificio do balneario coma os dos hoteis encóntranse rodeados por parques privados, cunha extensión de aproximadamente 50.000 m2, que discorren á beira do río Gallo, que atravesa a poboación.

    Dispón de augas sulfuradas, sódicas, fluoradas, silicatadas e litínicas. Emanan a unha temperatura de entre 17 e 64 ºC. Están indicadas para afeccións reumatolóxicas, aparato respiratorio, dermatoloxía, circulación, relax e beleza.

    Titular:  Termas de Cuntis.

    Recurso:  Auga Mineiro-medicinal.

    Superficie:  783.1250 ha.

C. Ramón cabanillas,
15704, Santiago de Compostela.

+34 981 598 221

info@augade galicia.com

Descarga nuestra App

App Android App iPhone