Vía Láctea Comunicación

Os balnearios e as augas minerais galegas presentan esta semana a súa oferta en Brasil, no marco de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal

08/10/2018

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018 (Vía Láctea Comunicación).- O Clúster do Auga Mineral e Termal de Galicia participa esta semana en Brasil -na localidade de Foz do Iguaçu- en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano cumpre a súa 18ª edición. Neste foro mundial de termalismo danse cita expertos procedentes de máis de vintecinco países. A finalidade é impulsar o mercado do turismo termal, ao tempo que se establecen vínculos científicos e comerciais entre o continente europeo e o americano.

 

O Clúster conta cun stand na feira, dende o que se promocionarán as dúas entidades que o conforman: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). 

 

O xerente do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, Benigno Amor, incidirá durante esta semana no valor das augas minerais e termais galegas dende o punto de vista do turismo, a innovación e a sostenibilidade. Así, dará a coñecer as potencialidades de Galicia como primeiro destino termal de España dende a perspectiva mineira, sanitaria e turística; e divulgará as características das augas minerais galegas, a través de degustacións no propio stand e no bar de augas da feira.

 

O valor dos balnearios e augas mineirais de Galicia

 

No marco desta feira, Amor explicará o proceso de constitución do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia. Creouse en 2011 impulsado polas asociacións sectoriais de balnearios e augas minerais naturais, e co apoio da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. É unha experiencia única en Europa, xa que non existe ningunha que aglutine os balnearios e as empresas de augas envasadas. 

 

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo OCA Augas Santas (Pantón) e Lugo - Termas Romanas. En Ourense están os de Arnoia Caldaria, Baños de Molgas, Laias Caldaria (Cenlle), Lobios Caldaria, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Eurostars Isla de La Toja, Eurostars Gran Hotel La Toja e Mondariz.

 

Pola súa parte, Agamin conta con seis empresas asociadas: Fontecelta e Aguas de Cospeito (Fontoira), na provincia de Lugo; Aguas de Cabreiroá e Sousas, na provincia de Ourense; e Agua Sana e San Xinés na de Pontevedra. 

 

 

Como iniciativa do Clúster, en Brasil estase a presentar a marca “Auga de Galicia”, que contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais. E tamén se dará a coñecer a aplicación para smartphones “Auga de Galicia”, que permite xeolocalizar os perímetros de protección dos acuíferos de augas minerais que existen no noso territorio.

 

 

Galicia, un referente na formación en Hidroloxía Médica

 

En relación á Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia, o seu director, o doutor Juan Gestal, abordou a súa importancia para o sector termal galego. Creouse en 2009 co apoio da Axencia de Turismo de Galicia para fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos sobre a Hidroloxía Médica. “Esta Cátedra pretende ser o estímulo e o motor do desenvolvemento e modernización da prestación balnearia en Galicia” -sinalou o doutor-. Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou que “a Cátedra está a garantir unha oferta educativa superior de calidade no eido do termalismo na comunidade”.

 

Ademais, como iniciativa da Cátedra, presentouse o Vademécum das Augas Mineromedicinais de Galicia, no que se recollen as indicacións terapéuticas da cura balnearia. Permitie aos médicos dispoñer de información actualizada e científica sobre a súa composición e propiedades terapéuticas, o que facilitará o seu uso como alternativa eficaz ou complementaria aos medicamentos en certas doenzas. A través das xerencias dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, xa se distribuíron uns 8.000 exemplares a todos os médicos de Atención Primaria e especialistas en reumatoloxía, neumoloxía, dermatoloxía, traumatoloxía e rehabilitación en Galicia.